Aquí os deixamos o Manifesto do Dia Internacional das Persoas con Diversidade Funcional que se leerá o Dia 3 e que se elaborou entre os membros da Comisión da Diversidade e Accesibilidade do Concello de Ferrol
"Non queremos que haxa un día adicado a nosoutros pero xa que aínda o ten que haber queremos aproveitalo non para festexar senón para denunciar e exisir:
Queremos que haxa unha nova visión de nos, unha visión que non nos nomee negativamente e por iso queremos cambiar a linguaxe e se hai que adxetivarnos que se diga persoas con diversidade funcional: non temos menos valía senón que o noso funcionamento é diferente. A diversidade sempre é enriquecedora.
Queremos loitar contra a invisibilidade e por iso imos exisir que se eliminen as barreiras e se modifiquen as actitudes que nos fan invisibles
Somos parte da sociedade, somos cidadáns de Ferrol e queremos vivir a cidade en igualdade con toda a poboación, non queremos quedar reducidos a ghettos
Defendemos o dereito á vida independente e a responsabilidade dos nosos actos así como o respeto as nosas decisións.
Na nosa cidade pedimos que se poñan os medios para cumprir os principios de:
NORMALIZACIÓN. Que todas as persoas poidamos facer unha vida normal accedendo aos mesmos lugares, ámbitos e servizos que se poñen a disposición de calquera persoa
ACCESIBILIDADE. Que o entorno, os servizos, etc sexan utilizables por todos e todas en condicións de seguridade e da forma máis autónoma posible
TRANSVERSALIDADE. Que os proxectos e actividades que se fagan desde o concello non sexan exclusivamente para persoas con diversidade funcional senon que sexan de carácter xeral xa que así nos beneficiamos toda a poboación.
Por último, queremos que se cumpran as directrices dos dereitos das persoas con discapacidade recollidas na Convención das Nacións Unidas que entrou en vigor en todo o Estado o día 3 de maio de 2008.
Se acadamos isto será un motivo para celebrar e o faremos todos e todas moitos días ao ano.
Ferrol, 3 de decembro de 2009
COMISION DA DIVERSIDADE E ACCESIBILIDADE
DO CONCELLO DE FERROL"
comentarios Publicar un comentario
Publicar un comentario